

Martín Senade, un carpinteiro de ribeira en activo en Cabana de Bergantiños
“Ao mar madeira”
– Cantos anos levas traballando na carpintería e por que decidiches dedicarte a isto?
Toda a vida.Na escola non era moi bo, e levo traballando nisto uns 40 anos. Esta carpintaría fundouna o meu avó e foi pasando de xeración en xeración.
– Por que había tantas carpinterías de ribeira nesta zona e por que pecharon a maioría?
Porque había moita demanda de barcos para a flota de baixura, cando a pesca se facía de xeito tradicional. A pesca está desaparecendo e aumentan as piscifactorías. Cabana era coñecida polas embarcacións e os asteleiros da Telleira. Aquí chegaron a traballar 22 homes pero agora só quedan tres carpinterías.
Actualmente os barcos son de fibra ou poliéster. Non entendo por que, cando sabemos que o plástico é moi contaminante. A culpa é da administración.
– En que medida cambiu a produción artesanal de barcos desde que ti empezaches ata agora?
Evolucionou tanto e tan mal que os artesáns quedamos obsoletos e tamén aos que lle comprabamos a madeira. Xa o dí o refrán “Ao mar madeira”. Aquí fixemos o barco “O Valadiño” para a mercante, barcos costeiros ou petaches de 100 ou 200 toneladas, que carrexaban entre outras cousas tella que traían de Buño. En Corme cargaban os barcos que despois traian cereais, cemento ou sal.
– Que tipo de barcos e barcas fas e que madeira usas?
Barcos de pesca e tamén barcos de paseo. Os barcos transportábanse con carros de bois. Utilizo madeira de carballo para as cuadernas e o esquelete e para o forro exterior madeira de piñeiro do país. A madeira protexíase antes con brea e agora con minio.
– Que vantaxes ten un barco de madeira sobre un de fibra?
Navega mellor xa que os movementos da madeira son máis suaves, máis lentos. A fibra sempre tende a endereitar o barco e o movemento é máis brusco; por iso se marea a xente. Agora xa non quedan lobos de mar e ao barco de madeira tes que quererlle e saber coidalo.
– Consideras que é importante manter este oficio?
Por suposto. Aquí só quedamos tres. Creo que habería que protexer este oficio. Baixou a demanda pero a nós gustanos facer traballos complicados. Estas barcas que teño aquí, van para Zamora porque alí non hai traballadores especializados. Os Batáns do Mosquetín tiven que arreglalos eu porque non había quen o fixera.
Daniela González Mouzo e Lucía Martínez Vidal
As carpinterías de ribeira
A construción naval de embarcacións de madeira , de tradición secular en España e Portugal, chámase carpintería de ribeira. Na actualidade, é unha actividade artesanal desenvolvida por pequenas empresas , que tamén fan reparacións e mantemento. Ao principio xurdiron como pequenos alpendres para salvagardar as ferramentas, ata que se converteron en edificios de madeira para albergar e protexer os barcos durante o proceso de construción.
A construción artesanal de embarcacións de madeira foi trasmitindo de xeración en xeración a sabiduría popular que deberíamos preservar, non só como parte do noso patrimonio marítimo e cultural, senón tamén para recuperar o pleno sentido produtivo e comercial desta actividade que funcionou como un elemento dinamizador para o aproveitamento de recursos económicos e para a creación de riqueza na zona.
Hoxe en día, o futuro destes oficios artesanais é incerto pola chegada das embarcacións de fibra e poliéster.
No concello de Cabana , atópamonos co asteleiro do Baladiño, un dos poucos exemplos que quedan nunha zona donde chegaron a traballar ata 200 persoas Na actualidades só se dedican a este oficio tres.
Alumnado de historia de 2ºESO
NOS MEDIOS:

