O Instituto Maximino Romero de Lema é un Centro público, dependente da Consellería de Educación da Xunta de Galiza. Os niveis que se imparten van dende 1º da E.S.O ata 2º BAC, sen esquecer o Ciclo Medio de Sistemas e Aplicacións informáticas e a FP Básica de Informática de Oficina. Somos un centro inmerso nun contexto rural, do que proveñen a meirande parte do alumnado, no que se traballa dun xeito tolerante, pluralista, potenciando valores tales como a solidariedade, a paz, a convivencia, a atención á diversidade, etc. Temos como obxectivo fomentar no alumnado un espírito crítico, construtivo, dialogante, cunha ollada cara ao futuro para xerar condutas que leven a unha integración social harmónica.
O Proxecto Educativo AO SON DO RURAL nace da inquedanza dun grupo de docentes, que traballan na Comisión de Cultura e Convivencia e no ENDL do Centro, á que se suma boa aparte da comunidade educativa: do alumnado, que leva traballando con metodoloxías activas e participativas dentro de anteriores plans proxectas, como o último “Feminino Plural” (curso 2017-2018) baixo o proxecto “Ao son Delas”; das familias, a través da ANPA; da contorna, mediante o Concello e Asociacións Culturais e Veciñais.
AO SON DO RURAL ten como obxectivo a creación e desenvolvemento dun proceso innovador de participación da Comunidade Educativa no coñecemento, valoración e difusión do patrimonio, da lingua e do coñecemento tradicional do rural como impulsor e dinamizador social e cultural. Asemade, nace xa vinculado a outros dos proxectos transversais: “Ao son Delas” proxecto coeducativo do centro baixo unha perspectiva feminista e “Ao son da saúde” que pon o foco na educación física, saúde e nutrición. Nun sentido máis amplo, o obxectivo fundamental que intentamos acadar con este proxecto educativo é conseguir formar persoas libres, con sentido crítico e de participación social. Colaborar na formación crítica do alumnado para identificarse e enorgullercerse da zona na que viven, coñecendo e axudando a visibilizar a potencialidade do rural como espazo con gran riqueza patrimonial, como espazo onde vivir e traballar. En último termo, conseguir con este proxecto que o noso centro sexa contedor cultural e dinamizador do patrimonio material e inmaterial na contorna, prestando especial atención a aquelas actividades e saberes que se perderon ou están en proceso de desaparición debido ás profundas mudanzas económicas e sociais das últimas décadas.
O proxecto AO SON DO RURAL sitúase no traballo en valores e, fundamentalmente, no uso e interese pola lingua e o patrimonio material e inmaterial, fomentando a inmersión do alumnado na sociedade, nas comunidades máis próximas, que interactúen e dialoguen coa veciñanza, cos maiores, na procura de coñecer e poñer en valor herdanzas léxicas, usos tradicionais e o patrimonio material e inmaterial. Que o alumnado se sinta parte activa dun movemento social maior que está a poñer en valor e modificar o noso sistema cultural, desde abaixo, e co protagonismo dos diálogos interxeracionais.
O labor educativo é un traballo permanente e planificado a medio-longo prazo. AO SON DO RURAL non é simplemente unha sucesión de actividades continuadas relacionadas co patrimonio antropolóxico, lingüístico, xeográfico, histórico ou artístico da contorna senón que é un proxecto planificado con bases metodolóxicas nas dinámicas dos movementos sociais, da pedagoxía social, da psicoloxía social, da xestión cultural ou da animación sociocultural. Así que este proceso comeza nas aulas e é aí onde, coa implicación importantísima das familias e veciñanza, alumnado e profesorado, comeza a crecer a vontade de crear, desde o patrimonio e coñecemento tradicional, unha nova forma de ser, facer e pensar.
Este proxecto educativo ten un concepto de aprendizaxe comunitaria, na que o alumnado é o eixe vertebrador dunha serie de accións diversas que conflúen de xeito acompasado… ao son do rural: fotografía histórica, faladoiros, regueifa, palabras, muiños, teatro, patrimonio…
Aquí tendes este PREZI elaborado polo alumnado para guiarnos polo seu intenso traballo: