





O vindeiro sábado, día 2 de febreiro, presentaremos no noso Centro Educativo o proxecto educativo “Ao Son do Rural”, un espazo de encontro para partillar coñecemento, ao son do rural, a través do alicerce da comunicación interxeracional.
Como fío conductor deste proxecto realizaranse unha serie de faladoiros ao longo do curso, con encontros con artistas relevantes da zona e da cultura galega.
Para este primeiro faladoiro contaremos coa escritora Natalia Lema (Baiñas) e os polifacéticos escritores Xurxo Souto (Monte Alto) e Manolo Rivas (A Marola).
O nexo en común destes artistas é a súa paixón polo rural. A idea de conxugar a enerxía destas tres persoas é tentar facer chegar ao noso alumnado a enerxía que desprenden pola vida, polas súas profesións e o respecto polas súas orixes.
O Proxecto “Ao son do rural” nace da inquedanza dun grupo de docentes que traballan na Comisión de Cultura e o alumnado de Xestión Cultural, Imaxe e Son e Igualdade. Ten como obxectivo a creación dun proceso innovador de participación da Comunidade Escolar no coñecemento. Unha acción comunitaria para xerar aprendizaxe colectivo como prática de transformación social. Un desexo de revindicar a nosa identidade: o lugar onde vivimos e nos criamos, a súa riqueza natural e arquitectónica, a súa lingua entre outras moitas cousas. O obxectivo é partillar a nosa paixón polo espazo que habitamos e compartir co mundo o noso patrimonio material e inmaterial.
“Ao Son do Rural” non é simplemente unha sucesión de actividades senón un proxecto interdisciplinar, planificado e que busca perdurar no tempo construíndo unha ruta didáctica ao redor dos muiños de Su Agra, os Pasos e as Quintas. Para isto contamos coa inestimábel colaboración da ANPA, Asociacións veciñais e culturais da contorna e Concello.
Acompáñanos nesta inesquecíbel ruta “Ao Son do Rural”, o convite está aberto!!!
A xornada estará inzada de actividades abertas a todo o público e os horarios son os seguintes:
10:00h “Ao son do Río Grande”. Andaina (se o tempo o permite) para realizar unha peza audiovisual e visibilizar os Muiños de Su Agra, Os Pasos e As Quintas.
11:00h “Ao son da Danza”. O grupo de música tradicional do Centro Vintenbaio, a Asociación Adro de Baio, a Asociación Churía de Zas, Escola municipal de música e Trubisquiña de Vimianzo porán a tremer a terra cos seus puntos de muiñeira na Carballeira do Instituto.
12:00h “Rolda de prensa”. O alumnado explicará polo miúdo as múltiples actividades que se realizarán ao longo do curso.
12:30h “Ao son da literatura”. Faladoiro con Natalia Lema, Xurxo Souto e Manolo Rivas no Salón de Actos do Centro.
14:00h Xantar. Organizado polo alumnado e as familias de 4º da ESO para recadar fondos para a excursión (Bono Axuda de 5€).
NOS MEDIOS:




